Publicacións


A cara oculta de Noriega Varela (Biografía e textos esquecidos)

Autoría

Freixeiro Mato, Xosé Ramón

Liñas de investigación

Literatura contemporánea galega

ISBN

84-87847-09-9

Editorial

Laiovento

Data de publicación

1992

Número de páxinas

248

Descrición


Aínda que é unha das figuras máis importantes no tránsito da nosa poesía do século XIX ao XX, o Poeta da montaña continuaba a ser, en parte, descoñecido, tanto na súa produción literaria como na súa propia biografía: arredor del teceuse un manto de silencio que o mantiña relegado a un discreto lugar nos manuais de literatura.

Xosé Ramón Freixeiro Mato ofrécenos unha xenerosa provisión de información, froito dun laborioso traballo, que nos permite descubrir novas perspectivas na vida e na obra do poeta, que ficaban, en xeral, ocultas.

O volume consta dunha documentada biografía de Noriega, praticamente a primeira que se ten feito, baseada en fontes contrastadas e fuxindo da anécdota chocalleira. Esta biografía compleméntase co estudo do perfil humano e ideolóxico do poeta, que nos dá as claves do seu pensamento e da súa personalidade.

Figura tamén neste libro unha decisiva contribución ao corpus poético de Noriega, que consta de 55 novos poemas en galego e 13 en español, máis da terceira parte de toda a súa produción poética, que nos mostran un Noriega satírico e político, até agora oculto, autor de verdadeiras crónicas humorísticas dos dramáticos anos trinta; e dous textos en prosa, os únicos que se lle coñecen. Féchase o libro con varios documentos de especial importancia na vida do poeta, dúas entrevistas e 18 cartas escritas a destacadas personalidades como Otero Pedrayo.

Referencias


Dialnet