Actualidade


Xoán López Viñas, novo profesor contratado doutor
9 de xullo de 2019

Xoán López Viñas, membro de ILLA, realizou exitosamente no día de hoxe as probas para acceder á categoría de profesor contratado doutor. 


O profesor López Viñas iniciou a súa traxectoria académica como bolseiro FPU na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, onde tamén desempeñou os postos de Axudante e Axudante doutor.

As súas principais liñas de investigación son a Lingüística Histórica, a Gramática sincrónica e a Ecdótica e Crítica textual. A súa tese de doutoramento, sobre a formación de palabras no galego medieval, obtivo o premio extraordinario de doutoramento e está parcialmente publicada no volume Dicionario de afixos do galego medieval (2015). Información pormenorizada sobre o perfil investigador de Xoán López Viñas pode ser consultada na web de ILLA:

http://illa.udc.gal/ShowResearcherInformation.do?id=19

A comisión xulgadora da praza, presidida pola decana da Facultade de Filoloxía, Mª Jesús Lorenzo Modia, valorou de forma entusiasta a traxectoria docente e investigadora do prof. López Viñas, as súas propostas didácticas e os seus futuros proxectos investigadores, presentados no curso das probas celebradas hoxe.

Desde o grupo ILLA, envíamos uns moi cordiais parabéns ao novo profesor contratado doutor.