Actualidade


Sobresaliente cum laude para a tese de Diego Rivadulla
Xaneiro 2020

A tese Novela e memoria cultural: a ficcionalización do franquismo na narrativa galega (2000-2015), con mención internacional, realizada no marco do programa de doutoramento en Estudos literarios sob a dirección do prof. Carlos Paulo Martínez Pereiro, obtivo a máxima cualificación.


O tribunal, presidido por Antonio Saez Delgado (Universidade de Évora), contou coa participación de Ascensión Rivas Hernández (Universidad de Salamanca) e Teresa López (Universidade da Coruña). Os membros da comisión valoraron como excelente e innovador o traballo presentado e destacaron o seu rigor metodolóxico.

A tese realiza unha análise exhaustiva das formas de representación do franquismo nas novelas do período 2000-2015 desde a perspectiva dos estudos de memoria cultural para demostrar como estas prácticas literarias funcionan como medios de construción da memoria colectiva da sociedade galega do século XXI, a través das que os autores e autoras participan no debate público en torno da recuperación e xestión do pasado recente.

Desde o grupo ILLA queremos enviar os nosos máis cordiais parabéns ao novo doutor.